mércores, 4 de marzo de 2026

SAÍDA AO TEATRO : "MÁIS SABOR!"

Os alumnos e alumnas de 3º e 4º de Primaria tivemos unha excursión moi especial para ir ao teatro a ver a divertida obra “Máis Saaabor!”. Foi unha experiencia chea de música, risas e moita imaxinación.


Nesta ocasión, dous refinados —e moi cómicos— chefs abriron a súa nova casa de xantar na vila. Alí prepararon un menú degustación con sabores dos cinco continentes, pero non era un menú calquera… ¡era un menú moi musical! Mentres cociñaban, aparecían xogos cómicos, trucos de maxia e instrumentos feitos con utensilios de cociña, convertendo os fogóns nun auténtico escenario.


Os protagonistas, ofrecéronnos un espectáculo moi divertido no que aprendemos que a comida pode ser variada, equilibrada e saudable, e que tamén pode estar chea de ritmo e creatividade.


Durante a función non faltaron as gargalladas nin os momentos sorprendentes. Entre música, maxia e moito humor, fixéronnos ver que cociñar tamén pode ser un xogo e unha forma de aprender sobre os alimentos de diferentes partes do mundo.


Foi unha excursión moi especial que nos permitiu gozar do teatro, aprender sobre alimentación e compartir un momento diferente cos compañeiros.


Sen dúbida, saímos do teatro cun sorriso… e con moitas ganas de dicir:

Máis Saaabor! 




Ningún comentario:

Publicar un comentario