O xoves 26 de febreiro, o alumnado de 4º de Primaria, tivo unha sesión de iniciación ao Judo. Alberto, cinturón negro 3º Dan, que xa viñera en cursos pasados, ensinounos uns xogos e algunha inmovilización e chave deste deporte. Pasámolo xenial.
O 24 de febreiro, visitaron o colexio Saúl e Candela, deportistas da Federación Galega de Loita, para amosarnos o seu deporte. Practicamos uns xogos moi divertidos relacionados coa loita. O próximo 10 de marzo, na xornada de convivencia deportiva de Adespont no Pavillón de Deportes de Pontevedra, volveremos a xogar a eles co resto de colexios.
O tangram é un recurso manipulativo moi completo para traballar na etapa de Educación Infantil e reforzar a metodoloxía STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas) dun xeito lúdico e motivador.
A través das súas sete pezas xeométricas, as nenas e nenos de 5 anos experimentan coa composición e descomposición de formas, desenvolvendo o pensamento lóxico-matemático (Matemáticas) e explorando conceptos como tamaño, simetría e orientación no espazo (Ciencia). Ao intentar construír figuras, poñen en práctica a resolución de problemas e o razoamento (Enxeñaría), probando diferentes hipóteses ata atopar a solución.
Ademáis, o tangram potencia a creatividade e a expresión artística (Arte), xa que permite crear animais, persoas ou obxectos a partir das mesmas pezas. Se incorporamos retos dixitais ou propostas interactivas, tamén podemos introducir a dimensión tecnolóxica (Tecnoloxía).
En definitiva, o tangram é unha ferramenta sinxela pero moi potente para fomentar a aprendizaxe activa, o pensamento crítico e a autonomía desde idades temperás, integrando as distintas áreas STEAM dun xeito natural e significativo.
No noso colexio entendemos que educar non é só transmitir coñecementos académicos, senón tamén acompañar o crecemento persoal do alumnado. Tal e como explicou o psicólogo Daniel Goleman, a intelixencia emocional é clave para o benestar e o éxito na vida.
As intelixencias emocionais axúdannos a identificar, comprender e xestionar as nosas propias emocións. Cando un neno ou nena aprende a poñerlle nome ao que sente —alegría, medo, frustración ou ilusión— está dando o primeiro paso para coñecerse mellor e actuar con equilibrio.
Pero a educación emocional non remata en nós mesmos. A través das nosas propias experiencias e vivencias, aprendemos tamén a recoñecer as emocións e sentimentos alleos. Aquí entra en xogo a empatía, esa capacidade de poñerse no lugar do outro, comprender como se sente e actuar con respecto e agarimo.
Fomentar o respecto, a colaboración e o agarimo nas aulas crea un ambiente seguro e positivo onde cada persoa se sente valorada. Cando o alumnado aprende a escoitar, compartir e traballar en equipo, está a construír habilidades sociais fundamentais para o presente e o futuro.
Os de 5 anos estamos levando a cabo sesións semanais disfrutando, coa mestra-alumna de prácticas (Carlota) de actividades de concienciación, onde traballamos o que sentimos para entender o que sinten os demáis.
Hoxe centrámonos nos nenos e nenas ós que lle falta algunha extremidade. Visualizamos primeiro unha curtametraxe sen comentar nada previamente. Observación:
Despois, no ximnasio, comentamos a curtametraxe brevemente e cada un debía escoller se quería debuxar e escribir o e seu nome coa boca ou coa pés.
A maioría preferiu cos pés ...
...pero...
...cos pés, polo visto, cansa moito e prefiren pintar coa boca.
Finalizamos con unha posta en común e, aínda que foi una sesión divertida, comprenderon as dificultades que outras persoas teñen e como lles inflúe noutras aspectos da vida, non só debuxando cos rotulares.
Educar nas emocións é educar para a vida. Porque un colexio que coida as emocións está a formar persoas máis conscientes, solidarias e felices.
O Entroido no noso cole foi unha xornada inesquecible, chea de cor, creatividade e convivencia. Durante os días previos, o alumnado estivo a preparar con moita ilusión distintas manualidades relacionadas co proxecto de centro deste curso, titulado “Mares e Océanos”.
Tamén disfrutamos de obradoiros de cociña facendo filloas en diversas versións así como petronilos deliciosos.
O bo tempo acompañounos e permitiunos gozar ao aire libre dun fermoso desfile de disfraces, no que cada aula presentou as súas creacións inspiradas no mundo mariño: peixes de cores, medusas, mergulladores, tartarugas e mesmo grandes océanos cheos de vida. As familias puideron acompañarnos e compartir este momento tan especial, enchendo o patio de aplausos e sorrisos.
Ademais do desfile, cada grupo preparou un baile, demostrando moito ritmo e entusiasmo sobre o escenario. Foi un orgullo ver o traballo realizado e a implicación de todo o alumnado e profesorado.
Para rematar a festa, nada mellor que repoñer forzas degustando doces típicos do Entroido, como as deliciosas orellas e as tradicionais filloas, que fixeron as delicias de pequenos e maiores. A xornada concluíu cun baile libre no que todos e todas participamos, poñendo o broche final a un día estupendo de celebración e convivencia.
O 6 de febreiro veu ao colexio Nana (é o terceiro curso que nos visita), unha profesora e bailarina profesional da "Escuela de Danza Fita Novas" a ensinarnos unha coreografía que bailariamos o 25 de febreiro na xornada de convivencia deportiva no Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra. Practicamos unha coreografía de danzas urbanas co alumnado de 5º de Primaria.
No noso colexio celebramos o Día da Paz como unha xornada moi especial para reflexionar sobre a importancia da paz, da non violencia, do compañeirismo e de estar unidos.
Ao longo dos días previos, en cada aula realizáronse diferentes traballos relacionados con este día, en pequeno grupo e coa colaboración dos compañeiros e compañeiras: manualidades, vídeos, fichas, asembleas e outras actividades que nos axudaron a pensar e a compartir ideas.
En primaria enchéronse de cor as nubes cheas de paz e creando arcos da vella que compartían preciosas mensaxes.
En infantil creáronse recursos audiovisuais, analizáronse curtas, realizáronse manualidades e reflexionaron sobre a importancia de levarse ben cos compis, coloreando debuxos como remtae.
Tamén se realizaran actividades dixitais integrando o proxecto anual de centro e as novas tecnoloxías como esta poesía coa voz en off do alumnado:
Ademais, os distintos cursos traballaron varias cancións nas sesións de música, que finalmente se dramatizaron de maneira conxunta no patio do colexio. O acto comezou coa lectura dun manifesto a cargo do alumnado de 6º de Educación Primaria, lembrándonos que a paz constrúese cada día con respecto, diálogo e unión entre todos e todas.
O pasado 24 de xaneiro, o noso centro sumouse á conmemoración do Día Internacional da Educación, unha data moi especial para reflexionar sobre a importancia de aprender, soñar e ter oportunidades para construír un futuro mellor.
Con motivo desta celebración, o alumnado de 3.º de Primaria traballou o libro O lapis máxico de Malala, unha obra inspiradora que nos achega á historia de Malala Yousafzai, unha moza que defendeu con valentía o dereito de todos os nenos e nenas a recibir educación.
A través da lectura e o diálogo na aula, os alumnos analizaron a figura de Malala: a súa infancia, os seus soños e a súa loita pacífica pola escola como ferramenta para cambiar o mundo. O “lapis máxico” converteuse nun símbolo moi especial, representando o poder das palabras, as ideas e a imaxinación para transformar a realidade.
xoves, 22 de xaneiro de 2026
Hoxe 26 de decembro o alumnado do noso centro participou con moita ilusión no cros escolar, unha xornada deportiva organizada polo HQR e o Diario de Pontevedra.
Os nosos alumnos e alumnas deron o mellor de si ao longo do percorrido, demostrando esforzo, constancia e, sobre todo, espírito deportivo. Máis aló dos resultados, queremos destacar a importancia de participar e gozar do deporte ao aire libre. Parabén a todo o alumnado participante e grazas ás familias por facer posible esta magnífica xornada deportiva!
O alumnado de 6.º de Primaria participa nun taller sobre Fake News impartido por Radio Pontevedra Cadena Ser.
Hoxe, mércores 14 de xaneiro, o alumnado de 6.º de Educación Primaria participou nun taller sobre Fake News celebrado no noso centro e impartido por profesionais de Radio Pontevedra Cadena SER.
Durante a sesión, o alumnado tivo a oportunidade de reflexionar sobre a gran cantidade de información que recibe a diario e aprender a distinguir entre noticias verdadeiras e falsas, desenvolvendo así unha mirada máis crítica e responsable ante os contidos que consomen, especialmente na internet e redes sociais.
A través de actividades dinámicas e exemplos próximos á súa realidade, o taller abordou aspectos como: qué son as fake news e por que se difunden, a importancia de contrastar fontes e verificar a información, o papel dos medios de comunicación e do xornalismo rigoroso e o uso responsable da información en contornas dixitais.
Esta actividade enmárcase dentro das accións do centro para reforzar a educación mediática e dixital do alumnado, unha competencia esencial para o seu desenvolvemento persoal e académico.
Desde o centro queremos agradecer a Radio Pontevedra Cadea SER a súa colaboración e a proximidade coa que achegaron ao alumnado un tema tan actual e necesario.