No noso centro educativo tivemos a sorte de participar nun interesante e divertido obradoiro sobre o coidado da pel, dirixido ao alumnado e impartido por dúas grandes profesionais do Centro de Saúde de Lérez: unha pediatra e unha enfermeira.
Durante a sesión, aprendemos moitas cousas importantes sobre a pel, que é o órgano máis grande do noso corpo. Explicáronnos como está formada, falándonos dos seus tecidos e das súas funcións principais, como protexernos do exterior e axudar a regular a temperatura do corpo.
Tamén nos deron consellos moi útiles para o seu coidado diario. Falamos da importancia de manter a pel limpa e ben hidratada, así como de escoller correctamente as cremas máis axeitadas para cada tipo de pel. Outro dos temas que máis nos chamou a atención foi a protección solar: aprendemos cando e como debemos usar crema solar, mesmo nos días nubrados, e a importancia de protexernos do sol para evitar danos a curto e longo prazo.
O obradoiro foi moi participativo e dinámico, o que fixo que o pasáramos xenial mentres aprendíamos cousas novas e moi útiles para o noso día a día.
Queremos agradecer ás profesionais do Centro de Saúde de Lérez a súa visita e a súa dedicación. Grazas a elas, agora sabemos un pouco máis sobre como coidar a nosa pel e a nosa saúde.
Tedes máis fotos pinchando nos seguintes enlace:







Ningún comentario:
Publicar un comentario