sábado, 14 de febreiro de 2026

FESTA DE ENTROIDO 2026

O Entroido no noso cole foi unha xornada inesquecible, chea de cor, creatividade e convivencia. Durante os días previos, o alumnado estivo a preparar con moita ilusión distintas manualidades relacionadas co proxecto de centro deste curso, titulado “Mares e Océanos”.



Tamén disfrutamos de obradoiros de cociña facendo filloas en diversas versións así como petronilos deliciosos.





O bo tempo acompañounos e permitiunos gozar ao aire libre dun fermoso desfile de disfraces, no que cada aula presentou as súas creacións inspiradas no mundo mariño: peixes de cores, medusas, mergulladores, tartarugas e mesmo grandes océanos cheos de vida. As familias puideron acompañarnos e compartir este momento tan especial, enchendo o patio de aplausos e sorrisos.












Ademais do desfile, cada grupo preparou un baile, demostrando moito ritmo e entusiasmo sobre o escenario. Foi un orgullo ver o traballo realizado e a implicación de todo o alumnado e profesorado.

Para rematar a festa, nada mellor que repoñer forzas degustando doces típicos do Entroido, como as deliciosas orellas e as tradicionais filloas, que fixeron as delicias de pequenos e maiores. A xornada concluíu cun baile libre no que todos e todas participamos, poñendo o broche final a un día estupendo de celebración e convivencia.

Sen dúbida, un Entroido para lembrar! 🎭🌊

PARA VER MÁIS FOTOS, PINCHADE NESTE ENLACE.

Ningún comentario:

Publicar un comentario