venres, 29 de abril de 2016

INFANTIL 4 ANOS: QUE SABEMOS DAS ABELLAS?

Xa chegou a primavera e os nenos e nenas de 4 anos atoparon unha abella voando no recreo. Viñeron a clase moi ilusionados e non paraban de falar de como lles perseguía. Entón comezaron os comentarios sobre abellas, algúns máis certos que outros, pero decatámonos que é un tema moi interesante: O MUNDO DAS ABELLAS.

Durante o PLAN LECTOR puxemos o primeiro capítulo dos debuxos animados de "A abella Maia" e estiveron moooi caladiños. Pasaron unhas semanas e as abellas seguían sendo un tema que lles interesaba moito polo que decidimos facer un MINI PROXECTO SOBRE AS ABELLAS. Decidimos facer unha pequena posta en común sobre as ideas previas que tiñan sobre elas pero, a timidez, foi a protagonista o día da grabación, jeje. Aquí podedes ver o comezo deste pequeno proxecto.


xoves, 28 de abril de 2016

Os 4 tolos - Faladoiro de actualidade

Hoxe no programa do clube de radio: "Os 4 tolos", falamos da actualidade que atopamos a diario na prensa. Nesta ocasión tratamos unha nova que recollía La Voz de Galicia sobre o acoso escolar titulada: El 70% de los menores que sufre acoso escolar lo padece a diario. A nova publicábase na prensa este pasado martes 26 e podédela ler íntegramente eiquí. Estas foron as súas opinións.


luns, 25 de abril de 2016

As cores

Nestes días os nenos e nenas de 4º de infantil estivemos traballando as cores: compartimos cos demais cal era a nosa cor preferida, enumeramos cousas segundo a cor indicada, e mesmo levamos a cabo algún experimento co cal descubrimos como obter algunhas cores.








Ademais, aproveitando o proxecto de centro decidimos poñernos diante dunha cámara como as verdadeiras estrelas de cine, e aínda que algún de nós estivo un pouco nervioso o final todos o fixemos moi ben. Este foi o resultado: 


Desexamos que vos guste tanto como a nós!


sábado, 23 de abril de 2016

"Este é o meu cole" por Jacobo Pousada Barreiro


Jacobo Pousada Barreiro preséntanos a través dun video a súa visión do colexio. A película íntegrase dentro do proxecto do colexio "Luces, cámara e acción..." e foi levado a cabo polo alumnado de 4º de Educación Primaria durante os meses de marzo e abril de 2016, dende a aula de Audición e Linguaxe:
- Jacobo Pousada Barreiro (guión, storyboard, localización de planos e actor).
- Leire e Manuel: claqueta
- Carmen e Noé: cámara
- Iris e Álex: realización

Coa colaboración do profe Javi na dirección e a montaxe.


O pasado venres 22 de abril fíxose a estrea de "Este é o meu cole" na nosa Rufiteca ante todo a alumnado do centro. Jacobo fixo unha presentación para toda a escola na que explicou as fases que hai que seguir para facer unha película. Noraboa Jacobo!

(cartaz publicitario feito por Jacobo)

Esta foi a súa presentación
 

venres, 22 de abril de 2016

O arco da vella (versión rap) - Manuel María

Aproveitando que este ano o Día das Letras Galegas está adicado a Manuel María, na aula de Audición e Linguaxe, traballamos cos seus poemas e tamén mediante a radio para afianzar a xeneralización dalgúns fonemas cos que tiñamos algunha dificultade ao comezo de curso. Ademais a poesía combinada coa música permítenos traballar moi ben outros aspectos da fala como é a prosodia.

Neste caso David Corredoira da clase de 2º de Primaria recítanos o poema "O arco da vella" nunha versión rap inventada por el. Mirade que ben o fai.


Este vídeo é parte dunha entrevista que fixemos en Radio Pirata Campañó falando sobre a figura de Manuel María, escoitade tamén o que nos contou David.

mércores, 20 de abril de 2016

Concerto

A Banda de Música da Escola Naval de Marín ofreceunos un concerto no que escoitamos obras como a Marcha Turca de W. A. Mozart, West Side Story de L. Berstein ou Pink Panther de Henry Mancini. Que ben tocan!

martes, 19 de abril de 2016

Alicia

@s nen@s de 4º de Primaria presentan a súa propia interpretación da historia de Lewis Carroll, "Alicia no país das Marabillas".

Mediante o emprego de tabletas e o programa Cómic Life, desenrolaron toda unha historia marabillosa digna do mesmísimo Tim Burton. Guión, storyboard, fotografía, diálogos e ata o vestiario e a maquillaxe, traballaron arreo neste cómic... Non vos perdades nin unha páxina!

sábado, 16 de abril de 2016

Os 4 tolos - Boas Novas

Gabriel, Pablo, David e Yoel son nenos de 5º de Primaria que teñen o seu propio programa dentro da Radio Pirata Campañó, chamado "Os 4 tolos".

Nesta ocasión viñeron a contarnos boas novas atopadas na prensa. Semella que cada día é máis difícil atopar novas que falen de cousas positivas e estes catro alumnos do cole viñeron a darnos unha mostra de que si se busca ben, tamén existen as boas novas.


xoves, 14 de abril de 2016

As vacas de Parada-Campañó

Os nenos e nenas de 5º de Infantil estamos preparando un estudio de campo sobre as vacas que viven na zona de Parada e Campañó. Estade moi atent@s ás vosas pantallas, aquí vai un adelanto.

luns, 11 de abril de 2016

E.T. o extraterrestre

Nestes días o alumnado de 4º de Educación Infantil estivemos traballando coa película E.T.


A raíz de observar o mural que hai no corredor do colexio preguntámonos que habería na cesta desa bicicleta que voa, polo cal decidimos recoller as nosas hipóteses nun debuxo (o cal explicamos posteriormente aos compañeiros/as). Así descubrimos as diferentes ideas que tíñamos cada un: algúns dicían que levaba ovos de galiña para facer tortilla, outros ovos de dinosauro, un bombeiro, un coche de xoguete e mesmo uvas ou rosca. Velaquí van algúns dos nosos debuxos:




Finalmente descubrimos que era o que ía na cesta: ERA UN EXTRATERRESTRE QUE SE CHAMA ET e ten un dedo que fai maxia (aínda que algún de nós pensou que o queimara por xogar nunha fogueira).


Nas vindeiras semanas compartiremos co resto do alumnado do ciclo unhas sesións de cine para ver a súa película. Estamos impacientes!

venres, 8 de abril de 2016

8 de abril, "Día Internacional do Pobo Xitano". Entrevista a Mateo, Diego e Jonás

Hoxe 8 de abril é o Día Internacional do Pobo Xitano lévanse a cabo festexos en todo o mundo e tamén nas escolas. Nós non queríamos ser menos e quixemos coñecer un pouco máis a Mateo, Diego e Jonás que chegaron novos ao cole este mesmo ano.

 

Viñeron ata a Radio Pirata Campañó a contarnos un pouquiño da súa vida e aproveitamos para ver o vídeo da campaña que a Fundación do Secretariado Xitano leva a cabo este ano, titulado #TelebasuraNoEsRealidad, no que se denuncian os realities televisivos tipo Palabra de Gitano ou Los Gipsy Kings. Estos programas potencian tópicos e prexuizos que a sociedade ten contra este pobo amable que vive con nós dende fai séculos.

Nós tamén cremos que a telebasura non é a realidade e que a mellor forma de coñecela é achegándonos a ela, porque xa o decía Albert Einstein...



martes, 5 de abril de 2016

venres, 1 de abril de 2016

Co ábaco descubrimos a suma en 4 anos

Dende principio de curso, os nenos e nenas de 4 anos estamos traballando unha parte do pensamento matemático coa axuda do ÁBACO, onde aprenden, case sen decatarse, a contar para diante e para atrás, a facer metades, conceptos como arriba e abaixo, as decenas, etc. 

Hai uns días, unhas nenas fixéronlle unha pregunta á profesora porque non sabían cómo poderían facer para saber canto ían costar varias cousas se estaban a xogar ás tendas. A raíz diso, todos colleron o ábaco e foron resolvendo as operacións sen decatarse. ESTABAN SUMANDO! Despois amosoulles a mestra como se escribía a suma e como se facía no papel e coas mans. Tanto lle gustaron que non querían parar!

Deixámosvos un anaquiño do vídeo dunha actividade. Agardamos que vos guste.