venres, 28 de novembro de 2025

OBRADOIRO FAMILIAR: COLARES DE CUNCHAS (5ºEI)

 Que sorte tivemos de poder escoitar a Teresa, a avoa de Adrián, contoumos historias de cando ela era pequena, cantounos cancións e ata nos ensinou a facer colares con cunchas,  coma os que vendía ela na Illa da Toxa. 



Agardamos que veñas outra vez.







mércores, 26 de novembro de 2025

OBRADOIRO DE FAMILIA: UN CESTO DE PEIXES

 A nai de Lucas, de 5 anos, veu facer un obradoiro en 6º EI en relación co proxecto que estamos traballando no cole de "Mares e Océanos".

Trouxo unha cesta chea de pescados e mariscos para coñecer como son, os seus nomes e as súas carctarísticas.





Aprendemos a desescamar algúns peixes coas ferramentas precisas, a cortarlle aletas,...


...e tamén a quitarlle as tripas que era ASQUEROSIÑO!!! jajaja


Tamén tocamos as sardiñas, os chipiróns, calamares, rapantes, ameixas, berberechos,...


Pero todos estaban dacordo en que lles gustaba comer pescado.




VISITA A CADENA SER PONTEVEDRA (4ºEP)

O alumnado de 4.º de Primaria viviu hoxe unha experiencia única grazas ao programa educativo dos Premios José Hermida: visitamos os estudos de Radio Cadea SER Pontevedra.

 

Desde que chegamos, o equipo da emisora recibiunos con moita proximidade e entusiasmo. Explicáronnos como funciona a radio por dentro e descubrimos que detrás de cada programa hai un gran traballo en equipo.

Tamén aprendemos a importancia da voz, do guion e da preparación antes de saír en antena.

 

Puidemos entrar no estudo principal, ver aos locutores en acción e observar como se controla o son desde a mesa de mesturas. Mesmo escoitamos nosa propia voz a través dos micrófonos profesionais, o que fixo a visita aínda máis emocionante.

 

Ademais, contáronnos algunhas curiosidades da historia da radio e como evolucionou ata converterse no medio que coñecemos hoxe.

Foi unha oportunidade fantástica para achegarnos ao mundo da comunicación e descubrir unha profesión diferente e chea de creatividade.

A visita terminou cunha pequena charla onde puidemos facer preguntas e compartir as nosas impresións. O interese do alumnado foi enorme!

 

Sen dúbida, foi unha xornada especial que lembraremos durante moito tempo. Agradecemos á Cadea SER Pontevedra a súa amabilidade e ao programa dos Premios José Hermida por ofrecernos esta experiencia tan enriquecedora.

 

Para ver máis fotos, pinchade neste enlace.




DETECTIVES DE ARTE (3ºEP)

Hoxe queremos compartir unha experiencia moi especial: a visita dos alumnos de 3º de Primaria ao Museo de Pontevedra, na que se converteron en auténticos investigadores coa actividade Detectives da arte na que tiveron que resolver un misterio: un roubo ocorrido no museo.

Para desentrañar o caso utilizaron uns cadernos de investigadores, consultaron pistas, examinaron con atención distintas obras, cartelas, esculturas e pinturas, e aprenderon a observar con detalle.

Disfrutaron moito das coleccións que abarcan desde arqueoloxía ata pintura, escultura, cerámica da arte galega. 


Para ver máis fotos, pinchade neste enlace.




martes, 25 de novembro de 2025

POÑEMOS UN BERRO NO CEO - 25N (1ºEP)

 Titulo: Poñemos un berro no ceo. 25N.


Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero, dende a nosa aula participamos nunha actividade de sensibilización cargada de significado. 




Ao longo desta semana reflexionamos sobre o bo trato, o respecto e a importancia de construír relacións baseadas na igualdade. Para expresar todo o que aprendemos creamos un mural colectivo baixo o lema "Nós poñemos un berro no ceo contra a violencia de xénero, e ti?".
A través das fotografías do alumnado simbolizamos un berro que rompe co silencio que reflicte a necesidade de denunciar calqueira situación de violencia. As fotos van acompañadas de palabras relacionadas con conductas violentas e as nenas e nenos da aula tiveron que tapala con accións que SI representan o que é o amor para elas e eles. 

O amor nunca doe, o respecto constrúese cada día. 

25N. 




VISTA AO MUSEO E ESPECTÁCULO DE MIGALLAS (1º EP)

 Hoxe todos os do 1º ciclo de Primaria visitamos o Museo de Pontevedra para ver ao grupo Migallas no seu espectáculo “Pegadas de Castelao”.

Para ver todas as fotos, pinchade neste enlace.



xoves, 6 de novembro de 2025

SAÍDA Ó MERCADO (1º E 2º EP)

 Hoxe fixemos unha visita guiada ao Mercado Municipal de Pontevedra para coñecer os diferentes postos que podemos atopar alí e os produtos que están á venda.


Antes faláronnos un pouco da historia do edificio e da tradición da venta de produtos nas diferentes prazas de Pontevedra antes de que ese edificio existira. Unha vez dentro, pasamos polas carnizarías, froitarías, a florería, postos de peixes e mariscos… Explicáronnos moitas cousas e curiosidades e mostráronnos o que vendían en cada un deles.

Por último puidemos visitar o Espazo da asociación O Ganapán na parte de arriba e merendar todos xuntos .

Estamos moi agradecidos polo ben que nos trataron e o simpáticos que foron todos con nós. Especialmente a familia do noso compi Jorge.

Ao salir puidemos xogar un ratiño no barco pirata antes de volver ao cole.



Para ver máis fotos, pinchade NESTE ENLACE.

APRENDEMOS SOBRE O CICLO URBANO DA AUGA

Hoxe, o alumnado de 3, 4, 5 e 6 de primaria , tivemos unha charla moi interesante sobre o ciclo urbano da auga. Durante a sesión, descubrimos como a auga que usamos en casa segue un percorrido moi longo antes e despois de chegar ás nosas billas.


Explicáronnos que a auga se toma da natureza, como ríos, encoros ou acuíferos, e despois se potabiliza para que sexa segura para beber e utilizar no noso día a día. Unha vez lista, distribúese polas tubaxes ata chegar ás vivendas, os colexios e outros lugares.


Pero a viaxe non termina aí. Cando usamos a auga —ao ducharnos, lavar os pratos ou tirar da cisterna—, vai parar ás redes de saneamento, onde se recolle e leva ás estacións depuradoras. Alí, límpase e depúrase para poder devolvela á natureza en boas condicións.


Lembráronnos o importante que é non desperdiciar a auga, xa que é un recurso esencial para as persoas, os animais e as plantas. Desta forma, o ciclo urbano da auga volve comezar, asegurando que todos podamos seguir gozando dela.

Foi unha charla moi interesante que nos axudou a entender mellor como funciona este ciclo tan necesario para a vida. E ademais aprendemos a coidar un pouquiño máis o noso planeta!

Para ver máis fotos, pinchade NESTE ENLACE,